mércores, 4 de febreiro de 2015
VALORACIÓNS DA SEMANA TEMÁTICA DA BIBLIOTECA
A Semana temática da biblioteca xa concluíu e chega o momento das valoracións e apreciacións. Case todos vós visitastes a biblioteca dende o 19 ao 29 de xaneiro.
Para moitos rapaces, a figura de Platero era descoñecida e, xa que logo, foi unha grande descuberta para eles, sobre todo os rapaces de 6 a 7 anos. Este grupo de lectores iniciais quixo saber máis sobre a amizade entre Juan Ramón e Platero e, de feito, nas últimas semanas o libro "Mi primer Platero" foi un dos máis lidos en 1º e 2º Primaria.
O resto de cursos de Primaria quedaron encantados, a teor das súas caras, coa técnica do caligrama, e descubriron a importancia da obra "Platero y yo" e do seu autor no seo da literatura castelá. Zenobia, Juan Ramón Jiménez, Moguer, Premio Nobel de Literatura foron algunhas ideas que gravaron nas súas mentes os rapaces. No entanto, o que máis lles chamou a atención foi o feito de que algúns dos seus profesores tivesen que memorizar o comezo da obra durante a súa nenez. Pois si que debe ser importante a obra "Platero y yo" deberon pensar para os seus adentros.
En canto aos rapaces de ESO, a súa achega fundamental foi a lectura solemne de fragmentos significativos da obra dende un atril. A colaboración e grao de participación foi, en liñas xerais, positivo -algúns deles tiveron que superar as súas reticencias iniciais a leren en público. Quixeramos facer unha mención especial aos alumnos de 3º ESO pola elaboración de pequenos murais informativos sobre a vida e obra do autor homenaxeado e o movemento literario ao que pertenceu.
Por último, queremos agradecer a colaboración de tódolos mestres e profesores que colaborastes coa vosa presenza durante estes días na bibliotec, co voso entusiasmo e cos vosos comentarios atinados. GRAZAS.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario