mércores, 19 de setembro de 2018

INICIO DE CURSO 2018-2019


Benvidos ao curso 2018-2019. Para este curso o Mouchiño tenvos preparadas algunhas sorpresas.

 Entre elas dividiremos os premios aos alumnos máis lectores e ao grupo máis lector en dúas categorías. A primeira das categorías comprenderá 1º e 2º Primaria, mentres que a segunda categoría abranguerá dende 3º ata 6º Primaria. 

Tamén neste curso chegaremos aos 100.000 libros prestados pola biblioteca escolar dende a súa inauguración aló polo ano 2002.

Agardamos que este curso que comeza nos traia boas noticias....

Un saúdo

venres, 15 de xuño de 2018

ÚLTIMOS DÍAS

O vindeiro 21 de xuño rematarán as clases e consideramos que este é un momento idóneo para facer valoracións sobre o curso.

En primeiro lugar, queremos agradecerlle a toda a comunidade educativa o aumento de préstamos de libros durante este curso 2017-2018: 5452 libros prestados, o que supón un aumento de 56 libros con respecto ao curso anterior.


En canto á distribución de préstamo de libros por curso, observamos un notable aumento de préstamo de libros en 3º Primaria, 5º Primaria e, sobre todo, en 6º Primaria. Polo contrario, en 2º e 4º Primaria percibimos un significativa baixada. 



Agradecemos tamén a ilusión mostrada polos alumnos de 1º Primaria, que volveron superar os 2000 libros prestados por segundo curso consecutivo. Parabéns a 1ºA por se-la clase máis lectora e a Lía A. V. por ser galardoada como a alumna máis lectora.




FELIZ VERÁN A TODOS VÓS.

mércores, 9 de maio de 2018

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Xa pasamos a primeira semana de Maio e comezamos a prepararnos para celebrar a Semana das Letras Galegas, do 14 ao 18 de maio. Desta volta, como xa é sabido por todo a homenaxeada é María Victoria Moreno, estremeña de nacemento e galega de adopción. Congratulámonos da elección da cuarta escritora para celebrar esta efeméride e celebramos a súa elección polo que representa. A seguir reproducimos unas palabras da autora:

"A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor"

( declaraba María Victoria Moreno, en 1993, no congreso "Poetas alófonos en lingua galega")


luns, 23 de abril de 2018

SEMANA TEMÁTICA DA BIBLIOTECA

Co gallo do Día do Libro, dende hoxe ata o 27 de abril celebraremos a Semana Temática da Biblioteca, que nesta nova edición terá como eixe temático a Idade Media, aproveitando o regreso á nosa cidade do Pergamino Vindel durante os meses de outubro a marzo. As actividades deseñadas para este ocasión comprenderán dende o bits de intelixencia sobre a roupa medieval, pasando polos pasapalabras do Medioevo así como a visualización de vídeos que contextualicen esta etapa da historia.

martes, 3 de abril de 2018

SEMANA DO CÓMIC (III)

Tralo parón da Semana Santa, volvemos coas forzas renovadas para continuar coa Semana do Cómic. Cos alumnos de 4º Primaria aprofundamos sobre as viñetas humorísticas a través dunha presentación e logo crearon eles mesmos as súas propias tiras cómicas. Grazas polo entusiasmo mostrado!

martes, 20 de marzo de 2018

SEMANA DO CÓMIC(II)

Onte pola tarde tivemos a fortuna de contar co alumnado de 5ºB de Primaria. Logo da súa media hora de lectura silenciosa sostida, visitáronnos na biblioteca.

Comeza a sesión vespertina, realizando de maneira grupal un Kahoot sobre os elementos do cómic. 8 respostas correctas sobre 15. Non está nada mal!

Posteriormente, organizados en grupos de catro, os rapaces e rapazas tiñan que responder a un QUIZ sobre Tintín ou a outro sobre Astérix e Obélix. Para realizar o quiz tiñan que ler 4 libros de cada una desas coleccións. 

Pasamos unha boa tarde lendo cómics en galego....como podedes observar

venres, 16 de marzo de 2018

SEMANA DO CÓMIC

Xa o estabades agardando. Por fin chega a Semana do Cómic en Galego pouco antes da Semana Santa. Esta vez teremos algunhas novidades das que vos falaremos a próxima semana.

Como antesala desta celebración, deixámosvos uns Kahoots para que vos animedes a facelos:

Kahoot sobre a Semana do Comic (ESO)


Kahoot sobre a Semana do Cómic (Primaria)