luns, 21 de setembro de 2015

COMO FUNCIONA A BIBLIOTECA?

Hoxe recibimos unha visita moi agardada e moi especial. O profesor Andrés, co seu séquito de 1º Primaria C, entraron na biblioteca. Unha vez dentro, descubriron libros aptos para a súa idade, o sistema de carnés da biblioteca escolar e outras moitas sorpresas que levaron canda eles. O Mouchiño convidounos a leren moito e a divertirse cos libros.

mércores, 16 de setembro de 2015

150º ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE AGATHA CHRISTIE

Un 15 de setembro de 1890 nacía no Reino Unido Agatha Christie. A escritora británica está considerada unha das pioneiras das novelas de misterio e intriga. Este ano, asemade, celebrase o 150º aniversario do seu nacemento, polo cal é un bo momento para ler e reler algunhas das súas obras máis emblemáticas (Asasinato no Orient-Exprés; Morte no Nilo)e acompañar aos seus personaxes máis coñecidos Hércules Poirot e Miss Marple nas súas aventuras e desventuras.

venres, 11 de setembro de 2015

INICIO CURSO 2015-2016

Por fin empezou o colexio!!!!! Xa estábamos todos impacientes. O Mouchiño quere agradecervos todo o apoio que lle brindastes o curso pasado e espera seguir contando nesta nova andaina coa vosa ilusión e entusiasmo. A biblioteca escolar estará aberta desde o 15 ao 30 de setembro en horario de 09.00 a 13.30. Espérovos ver alí o martes. Non faltedes

luns, 15 de xuño de 2015

FELIZ VERÁN

105 publicacións, 1343 visitas ao blog. Hoxe é o último día deste curso académico 2014-2015 en que a biblioteca estará aberta. A partir de mañá e deica o vindeiro curso a biblioteca pechará as súas portas. É hora de darmoslle ao Mouchiño un pequeno descanso para que veña con forzas e ilusións renovadas.

Precisamente, os alumnos de 1º A e 2ºA de Primaria, quixeron obsequia-lo Mouchiño cun contos "continuos", feitos a semellanza dos "cadáveres exquisitos" surrealistas. Velaí un obsequio que quedará exposto na biblioteca.

Feliz verán... Pasádeo ben na praia acompañados dun bo libro. Vémonos en setembro.

martes, 9 de xuño de 2015

GENERACIÓN DEL 27

Madrugadores foron os alumnos de 4º ESO. Acompañados do seu profesor de lingua e literatura castelá, adentráronse sixilosamente na biblioteca e reafianzaron todo o estudiado na clase sobre a xeración do 27: Federico García Lorca, Pedro Salinas, Rafael Alberti, Miguel Hernández... Para refrescar os coñecementos, os rapaces viron un vídeo realizado por Antonio García Megía sobre a xeración de 1927.
Logo dunhas oportunas reflexións do profesor, os alumnos puideron ver e ler unha selección de libros expostos para a ocasión que tiñan como motivo central a xeración literaria do 27.
E mesmo algunha persoa se atreveu a recitar algún poema dos membros desta xeración. Grazas a todos pola vosa resposta entusiasta.

xoves, 4 de xuño de 2015

A BIBLIOTECA, UN LUGAR PARA DISFRUTAR DA LECTURA

A poucas semanas para remata-lo curso, hoxe tivemos a sorte de recibir a inesperada (pero ilusionante) visita dos alumnos de 6ºC á biblioteca. Durante uns minutos estiveron na biblioteca lendo individualmente e en silencio unha selección de libros en galego a iniciativa do seu profesor Rubén. Un saúdo a todos vós.

luns, 1 de xuño de 2015

HORARIO DA BIBLIOTECA NO MES DE XUÑO

O Mouchiño quere darvos ánimos para afrontar estas últimas semanas de curso. Ánimos rapaces e rapazas! Asemade, O Mouchiño quere tamén informarvos do horario da biblioteca escolar durante este mes de xuño.

HORARIO BIBLIOTECA ESCOLAR - MES DE XUÑO

Luns - Venres: 09.00 - 13.30

A Biblioteca escolar estará aberta ata o 15 de xuño. A partir desa data estará pechada deica o curso que vén.