mércores, 21 de decembro de 2016

PREMIOS AOS MÁIS LECTORES

Como remate do trimestre, na biblioteca escolar concedemos os premios aos máis lectores. Velaquí a listaxe de galardonados:

Clase máis lectora: 1ºA

Alumno máis lector: Hugo L. V. (3ºC)

Gañador do Quiz "¡Mesa, trágame!": Nicolás C. R. (1ºA)


Grazas a todos vós pola ilusión e pola participación. O Mouchiño deséxavos un bo nadal e un feliz aninovo.

venres, 16 de decembro de 2016

CRÓNICAS DE NARNIA - RESUMEN

LAS CRÓNICAS DE NARNIA: El león, la bruja y el armario

Los hermanos son enviados a casa del tío en el campo por la guerra. Allí, la pequeña, jugando al escondite, descubre un armario y, al meterse, se abre la puerta del fondo y entra en Narnia. Luego irá convenciendo a todos los hermanos que también entrarán y lucharán, junto a Aslán (el león) contra la reina malvada de las nieves, que reinaba en Narnia. La vencen, reinan ellos por muchos años y un día vuelven a encontrar la puerta del armario y al cruzarla vuelven al mundo real con la misma edad... (pero volverán a Narnia) en otro libro.


Alejandra (5ºB)

mércores, 14 de decembro de 2016

ESTATÍSTICAS 1ª AVALIACIÓN

En chegando ao final do primeiro trimestre, cómpre repasar as estatísticas con respecto á clase máis lectora e aos alumnos máis lectores. Velaquí os resultados achegados a día 14 de decembro.


CLASE MÁIS LECTORA:

1ª posición: 1ºA Primaria (288 libros).

2ª posición: 1ºB Primaria (284 libros).

3ª posición: 1ºC Primaria (238 libros).

4ª posición: 2ºA Primaria (224 libros)


ALUMNOS MÁIS LECTORES

1ª posición: Hugo L. V. (3ºC)(40 libros).

2ª posición: Martín R. B. (1ºA) (35 libros).

3ª posición: Lucía P. M. (2ºC) (32 libros).

4ª posición: Guzmán G. B. (1ºA) (32 libros).

5ª posición: Adrián S. A. (1ºA)(31 libros).

6ª posición: Ana G. M. (1ºC) (28 libros).

7ª posición: Liván G. L.(2ºA) (28 libros).





luns, 12 de decembro de 2016

NADAL (II)

Hoxe, luns 12 de decembro, tivemos a sorte de recibir na biblioteca ao alumnado de 6ºInfantil A, acompañados dos profesores Jorge e Noemí. Os rapaces asistiron a un contacontos inspirado no Nadal sobre o libro "La Navidad de Emilio y Lilú" e, a continuación, pintaron e colorearon unhas letras que logo pegarían en siluetas de abetos:

BO NADAL e FELIZ NAVIDAD.

mércores, 7 de decembro de 2016

O APALPADOR

Chega o Nadal e desde a biblioteca escolar propóñemonos seguir dando a coñecer as tradición e costumes propios deste período de Nadal aos máis novos. Con este pretexto, durante esta semana realizamos (e realizaremos) unha serie de actividades dirixidas aos rapaces de 1º e 2º Primaria. A primeira parte da actividade consistía na lectura dramatizada dun conto sobre a figura do Apalpador, de Xoán G. publicado en Biblos.
Rematado o conto, os rapaces de 1º Primaria dispuxéronse a escribir nunhas siluetas de bólas de Nadal palabras relacionadas co campo semántico das festas natalicias. Polo contrario, os rapaces de 2º Primaria fixeron unhas caixas de regalo e introduciron dentro delas os seus desexos para os profesores, amigos e familia nestas entrañables datas.
BO NADAL E FELICES FESTAS O Mouchiño

luns, 5 de decembro de 2016

ESCOLMA DE LIBROS POLO NADAL

Coa chegada do mes de decembro e a proximidade das festas de Nadal, o Mouchiño quere agasallarnos cunha pequena escolma de libros ambientados nesta época. Non desaproveitedes a ocasión de lelos.

xoves, 1 de decembro de 2016

O NADAL

Chega o mes máis agardado polos rapaces. Chega o tempo da ilusión, da fantasía. Todo é posible nestas datas cheas de maxia e desexo. Efectivamente, estamos no decembro. Celebramos o nacemento de Xesús e.....para festexalo, O Mouchiño está engalanando a biblioteca coas súas mellores roupaxes ante a inminente chegada destas entrañables festas para compartir en familia.

martes, 29 de novembro de 2016

BOOKCROSSING


Concluido o photocall realizado con motivo da Semana da Ciencia, adentrámonos nos derradeiros días de novembro e xa comezamos a ollar no horizonte a chegada do inverno e do ilusionante Nadal.


 Mentres tanto, o bookcrossing segue activo. Agradecemos a vosa implicación e recordámosvos que non esquezades devolver os libros ao lugar no que os recollestes.

martes, 22 de novembro de 2016

SEMANA DA CIENCIA (II)


  Como xa vos adiantamos, dende o 21 ao 25 de novembro o Departamento de Ciencias está a celebrar a "Semana da Ciencia", co lema nesta edición de "Pensa globalmente, actúa localmente". Co gallo desta efeméride, na biblioteca escolar quixemos preparar coa inestimable colaboración do departamento citado un photocall para que os rapaces se poidan disfrazar de científicos por un día. As sucesivas fotos irémolas subindo no Twitter do colexio.


Mentres tanto, facémonos eco neste blog dun pequeno vídeo divulgativo sobre os problemas ocasionados polo cambio climático destinado aos rapaces de Primaria:

venres, 18 de novembro de 2016

SEMANA DA CIENCIA

Ao tempo que botamos a funcionar o bookcrossing, a vindeira semana estará dedicada á Semana da Ciencia. Froito da colaboración co Departamento de Ciencias, o Mouchiño está decorando a biblioteca para a ocasión. Velaquí algunhas mostras do labor desempeñado.
Asemade, a longo da próxima semana os rapaces do centro terán a posibilidade de participaren en compañía dos seus pais no photocall instalado na biblioteca. VÉMONOS NA SEMANA DA CIENCIA!

mércores, 16 de novembro de 2016

BOOKCROSSING

Por fin comezamos o bookcrossing. Xa estabades agardando por el. Como xa observastes, no colexio puxemos varios postos de bookcrossing. Visitádeos e disfrutade da lectura.

xoves, 10 de novembro de 2016

ESTATÍSTICAS


Chegado o ecuador do outono, é momento de facer unhas valoracións cuantitativas sobre o sistema de empréstito de libros. Velaquí algún datos:


SISTEMA DE PRÉSTAMO DE LIBROS

Con data de 10 de novembro, xa temos realizado 1272 préstamos de libros, na mesma liña do curso pasado a estas alturas. 

As clases máis lectoras son, por esta orde:
1ºA: 168 libros lidos
1ºB: 157 libros
1ºC: 145 libros
2ºA: 106 libros
2ºC: 95 libros
3ºA: 92 libros
2ºB: 81 libros

Por outra banda, Os alumnos máis lectores son
Lucía P. M (2ºC): 19 libros
Martín R. B (1ºA): 19 libros
Ana G. M (1ºC): 18 libros
Hugo L. V (3ºA) : 18 libros
Nicolás C. R (1ºA): 17 libros.
Froito dos datos cotexados, estas son algunhas conclusións que extraemos:

* Constátase un aumento de libros lidos por alumnos de 1º Primaria (470 libros fronte aos 295 libros no mesmo período do curso pasado), en 5º Primaria (125 libros en lugar de 92 no curso anterior).

*O número de libros lidos a estas alturas do curso está en 1278 fronte aos 1327 rexistrados no curso pasado entre o 15 de setembro e o 10 de novembro. Observamos un pequeño descenso nos volumes prestados.







martes, 25 de outubro de 2016

ESPECIAL SAMAÍN

Mergullados en pleno outono e coa proximidade do Samaín, na biblioteca escolar fixemos unha selección de libros do outono: outono, Magosto, Samaín, medo, terror... Non esquezades coller os vosos libros para ler nesta ponte FELIZ SAMAÍN

SEMANA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES (II)

E todo o bo chega ao seu remate. Xa rematou o noso día grande, o Día das Bibliotecas Escolares. O Mouchiño pasouno ben nesta semana na vosa compañía: raps sobre a biblioteca en inglés, contacontos, debuxos sobre as bibliotecas, escrita creativa e colectiva, por suposto, tamén lemos libros........ Grazas a todos polo voso entusiasmo desbordante.

martes, 18 de outubro de 2016

SEMANA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES (I)

Esta semana estamos de celebración na biblioteca do centro. O próximo 24 de outubro festexaremos o Día das Bibliotecas Escolares. Co gallo deste acontecemento, ao longo desta semana e deica o vindeiro luns recibiremos a gratificante visita dos rapaces de Primaria. O obxectivo primordial desta xeira de visitas é sinalar a importancia que ten na vida colexial este noso espazo.

xoves, 13 de outubro de 2016

FUNCIÓN DA BIBLIOTECA ESCOLAR NO ENSINO

"A biblioteca escolar proporciona información e ideas que son fundamentais para desenvolverse con éxito na nosa sociedade contemporánea, baseada na información e o coñecemento. Proporciónalles aos alumnos competencias para a aprendizaxe ao largo de toda a súa vida e contribúe a desenvolver a súa imaxinación, permitíndolles que se conduzan na vida como cidadáns responsables."

(MANIFESTO DA UNESCO sobre as bibliotecas escolares)

martes, 11 de outubro de 2016

BUSCANDO NOS DICIONARIOS

dicionario .- "Repertorio en forma de libro ou en soporte electrónico no que se recolle, segundo unha orde determinada, as palabras ou expresións dunha ou máis linguas, o dunha materia concretas, acompañadas da súa definición, equivalencia ou explicación (RAE)".

Hoxe,por iniciativa do profesor de lingua castelá, os alumnos de 3ºA Primaria visitáronnos e estiveron ollando nos dicionarios palabras para elaboraren de xeito individual o arquicoñecido xogo do "pasapalabra". Con ilusión, aprenderon os conceptos de entradas e definición, a orde alfabética, os distintos tipos de dicionarios que hai.... Velaquí exemplos da súa concentración e alegría.

 Grazas, Rubén.

venres, 7 de outubro de 2016

xoves, 6 de outubro de 2016

DÍA MUNDIAL DO DOCENTE

Aproveitando que onte foi o Día Mundial do Docente (5 de outubro), o Mouchiño fixo unha pequena selección de algún títulos de interese para os profesores do centro. Velaquí os tedes.

luns, 3 de outubro de 2016

HORARIO DE MAÑÁ E TARDE

O Mouchiño infórmavos de que a biblioteca tamén abrirá pola tarde desde o mes de outubro ata o mes de maio. Recordamos para aqueles despistados o horario da biblioteca:

DE LUNS A VENRES


10.00 - 13.30


16.30 - 19.00

Vémonos hoxe tamén pola tarde. Saúdos

luns, 26 de setembro de 2016

FUNCIONAMENTO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Ao longo da mañá de hoxe recibimos a visita dos rapaces de 2º ESO A, B e C. Os rapaces viñeron co seu profesor da materia optativa "Investigación e tratamento da información". Unha vez situados na biblioteca explícamoslles conceptos coma a CDU, o ISBN, e a organización das bibliotecas escolares.

Rematada a explicación teórica, propuxémoslles aos rapaces tres cuestións: 

a) citar os seus cinco libros favoritos

b)valorar o seu interese polos clubes de lectura

c) Recolleita de ideas para mellorar e/ou cambiar a imaxe da biblioteca escolar


Con respecto á lista de libros favoritos, velaquí vos escribo os máis interesantes a xuízo dos nosos escolares de Secundaria:
1. John Green. Bajo la misma estrella. Nube de Tinta.
2. John Green: Ciudades de papel. Editorial Nube de Tinta
3.Verónica Roth: Trilogía Divergente, Insurgente, Leal.
4.Isaac Palmiola: colección Secret Academy.
5.Enid Blyton: Las torres de Malory.

O funcionamento dos clubes de lectura é comprendido pola inmensa maioría dos rapaces de 2º ESO, máis poucos afirmaron ter participado nalgún clube de lectura. Con todo, uns poucos rapaces mostráronse interesados en participar nel. Unha idea que o Mouchiño apuntou na súa axenda para facela realidade.

A última das preguntas consistía en deixar por escrito algunhas propostas de mellora para a biblioteca escolar. Entre as propostas máis construtivas, cómpre destacar as seguintes:

- Unha maior presenza da tecnoloxía e, en particular, dos libros electrónicos e tablets.

- Un horario máis amplo da biblioteca escolar nos meses de setembro e xuño.

Moitas grazas a todos vós pola participación e sinceridade.

martes, 20 de setembro de 2016

O PRACER DE LER UN LIBRO

Seguramente vos preguntastes algunha vez por qué nos senta tan ben ler un libro. Unha posible resposta (espero que non sexa a única) atopeina nun artigo interesante da revista Muy interesante. Déixovos a ligazón a continuación:

"¿Por qué leer libros nos hace sentir tan bien?" in Muy interesante.



Gustaríame que compartísedes as vosas experiencias ao respecto. ¿Por que vos senta a vós tan ben ler un bo lido?


Mentres tanto, estamos empezando o sistema de préstamo de libros na biblioteca escolar. Xa se empeza a notar o interese pola lectura. Velaquí o pracer que amosan pola lectura os nosos rapaces:


xoves, 15 de setembro de 2016

CURSO 2016-2017: VIVE O SOÑO!

O Mouchiño xa está impaciente polo retorno á clase e pola volta á súa actividade. Parafraseando o lema da institución Marista para este curso 2016-2017, estamos de desexosos de vivir o soño do bicentenario Marista con todos vós. Queremos vivir o soño dos libros convosco. No entanto, para que este soño se faga realidade, o Mouchiño necesítavos.

xoves, 2 de xuño de 2016

VALORACIÓNS FINAIS DO CURSO 2015-2016


   Poucas semanas nos quedan xa de curso. Xa case afrontamos o derradeiro mes deste curso 2015-2016 e,chegados a este punto, consideramos necesario facer unha pequena valoración.


Neste curso académico prestamos 4876 libros no colexio, un lixeiro descenso de preto de 500 libros explicado por cambios no sistema de préstamos de libros e polo incremento de actividades na biblioteca. No curso 2014-2015 permitiamos coller 2 libros diarios e neste curso decidimos delimitalo a un libro diario agás os venres, día no que podían coller dous libros os rapaces para lerén na fin de semana. 



A clase máis lectora foi 1ºB de Primaria (583 libros), seguida de 1ºC con 570 libros e no terceiro lugar do pódium está 4ºA de Primaria, con 509 libros lidos. Mención á parte, merecen o aumento de lectores no 2º ciclo de Primaria xa que pasamos de 1675 libros no curso 2014-2015 a 1702 libros no curso 2015-2016, debido en grande medida ao liderado da clase de 4ºA Primaria e tamén un pequeno aumento entre os lectores da ESO (7 libros lidos máis con respecto ao curso 2014-2015).


Os lectores máis asiduos na biblioteca escolar foron, por esta orde:

1. Lucía P. M (107 libros lidos).
2. Sergio M. O. (80 libros lidos).
3. Martina S. G. (67 libros).

Entre as preferencias literarias do noso alumnado atópanse os libros de Pepe Carreiro -fundamentalmente, "Os Bolechas"-(552 libros do autor lidos), Elisabetta Dami -autora das coleccións de "Gerónimo Stilton" e "Tea Stilton"- (488 e 159 libros lidos respectivamente), Violeta Denou -célebre autora da colección TEO- (237 libros), Knister -autor da colección "Kika Superbruja"-(124 libros) e Jeff Kinney -autor da serie "Diario de Greg"- (122 libros).

xoves, 26 de maio de 2016

MES DAS LETRAS (III)

Máis clases seguen pasando pola biblioteca para saber máis sobre a figura de Manuel María. Desta volta de 2ºA de Primaria, quen tivo o detalle de recitar de memoria un poema de Manuel María dedicado ao semáforo.

luns, 23 de maio de 2016

MES DAS LETRAS (II)

Despois dun pequeño descanso con motivo das festas colexiais, volvemos retomar o mes das letras. Desta volta con alumnos de 4º de Primaria. Os alumnos deste curso contemplaron e intentaron memorizar os distintos paneis informativos sobre o poeta da Terra Chá e logo contestaron unhas preguntas sobre este tema.

venres, 13 de maio de 2016

MES DAS LETRAS GALEGAS

Xa estamos a mediados de maio. Un mes cheo de acontecementos no colexio: excursións de fin de curso, as festas colexiais e tamén o Día das Letras Galegas. Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado ao poeta da Terra Chá, a Manuel María. O poeta tamén tamén estudou na súa nenez no colexio Marista de Lugo (Academia Galicia). Esta mañá viñeron pola biblioteca alumnos de 2º ESO A e C para facer un mural colaborativo sobre distintos aspectos da vida e obra do autor homenaxeado, supervisado pola profesora Tamara. Velaquí algunhas imaxes de tan arduo labor!
Logo chegou a quenda dos alumnos de 1º ESO B, que traballaron sobre os principais temas da poesía de Manuel María: amor, natureza (Terra Chá), o compromiso social...

mércores, 11 de maio de 2016

ESTATÍSTICAS MAIO 2016

Xa queda poucas semanas para o remate das clases. Ante a proximidade das festas colexiais e o Día das Letras Galegas, convén facer unha pequena pausa para repasar as estatísticas deste curso.


TOTAL DE LIBROS LIDOS: 5106 libros lidos.


CLASE MÁIS LECTORA


1ºB Primaria: 524 libros lidos.

1ºC Primaria: 496 libros lidos.

4ºA Primaria: 478 libros lidos.


venres, 6 de maio de 2016

A PALABRA MÁIS FERMOSA

O Mouchiño infórmanos que o Equipo de Dinamización Lingüística promoveron entre o alumnado de Secundaria escoller a palabra máis fermosa do galego. Un bo preludio do Día das Letras Galegas. Velaí os resultados.

GENERACIÓN DEL 27

García Lorca, Cernuda, Alberti, Emilio Prado. Durante dúas sesións, os rapaces de 4º ESO adentráronse no estudo e na investigación dos autores da xeración do 27: visualizaron un pequeno documental, comentamos o documental, recitamos poemas de autores destacados desta xeración, recitamos poemas.... e, como despedida, escoitamos poemas significativos desta etapa musicados polo cantautor Paco Ibáñez.

xoves, 28 de abril de 2016

SEMANA TEMÁTICA DA BIBLIOTECA (IV)

Chegamos á recta final da Semana temática da Bibliotecas. O Mouchiño mándavos saúdos a todos e agradece o voso entusiasmo. entusiasmo cos marcápaxinas, entusiasmo mentres vos convertiades en "actores de dobraxe" de Don Quijote e Sancho na aventura contra o rabaño de ovellas, entusiasmo ao participar na xincana sobre os dous autores homenaxeados... Foi toda una sorte contar coa vosa presenza.