venres, 27 de febreiro de 2015

LEMBRANDO A ROSALÍA

Con motivo do día dedicado a Rosalía de Castro, dende o martes ata o xoves, visitaron a biblioteca grupos de rapaces de 1º e 2º ESO e varios grupos de 5º de Primaria. Durante estes días ollaron un breve presentación sobre a importancia de Rosalía de Castro na literatura castelá e galega.
Acto seguido, os grupos de 5ºA e 5ºC leron posteriormente en voz alta algúns dos poemas máis coñecidos da escritora galega con moita emoción nos seus rostros.
Finalmente, os máis ousados -rapaces e rapazas de 1º ESO e 2º ESO- mesmo se atreveron a cantar o célebre "Adiós ríos, adiós fontes".

Dende a biblioteca queremos agradecer a todos a vosa colaboración e o voso entusiasmo para manter aceso o facho que acendeu Rosalía hai 178 anos. Mil primaveras máis...

martes, 24 de febreiro de 2015

DÍA DE ROSALÍA, 24 DE FEBREIRO

Hai 178 anos, un 24 de febrero de 1837, nacía en Santiago a escritora Rosalía de Castro, a escritora de referencia do Rexurdimento literario galego e unha das escritoras de máis importantes do Romanticismo español. Con motivo desta efeméride exporemos estes días na biblioteca unha selección das súas obras e faremos algunas actividades. Velaquí a homenaxe de Google á nosa autora.

venres, 13 de febreiro de 2015

VIVINDO O ENTROIDO (III)

Domingo Oleiro, Domingo Fareleiro, Xoves de Comadres, Xoves de Compadres, Domingo Corredoiro. O entroido vivido con intensidade e alegría. Peliqueiros, folións, felos, cigarróns, o oso de Salcedo, madamas e galáns... Sobre estes instantes do entroido e sobre estes personaxes traballaron con ilusión os rapaces de 1º ESO.

Froito deste traballo e, como antesala aos festexos e actos conmemorativos do Entroido, os alumnos de 1º ESO (A, B, C) remataron esta mañá de elaborar un mural titulado "O CICLO DO ENTROIDO GALEGO", que está exposto no mesmo ao lado das aulas de 6º Primaria.

FELIZ ENTROIDO

mércores, 11 de febreiro de 2015

VIVINDO O ENTROIDO (II)

Estamos ás portas do entroido. Respírase por tódalas partes o ambiente festivo propio destas datas. Velaquí uns asiduos usuarios da biblioteca axudándonos a decorar os andeis con distintos refráns típicos desta época.
E mentres nos axudaban coa decoración, co proxector viamos unha pequena presentación sobre o Entroido cos seus personaxes máis característicos, a súa gastronomía...

martes, 10 de febreiro de 2015

VIVINDO O ENTROIDO

O pasado luns e hoxe martes recibimos a visita na biblioteca dun pequeno grupo de rapaces de 3º ESO C. Estes rapaces elaboraron un pequeno fondo con motivos relacionados co cómic. Velaquí o seu resultado:

luns, 9 de febreiro de 2015

mércores, 4 de febreiro de 2015

VALORACIÓNS DA SEMANA TEMÁTICA DA BIBLIOTECA

A Semana temática da biblioteca xa concluíu e chega o momento das valoracións e apreciacións. Case todos vós visitastes a biblioteca dende o 19 ao 29 de xaneiro.
Para moitos rapaces, a figura de Platero era descoñecida e, xa que logo, foi unha grande descuberta para eles, sobre todo os rapaces de 6 a 7 anos. Este grupo de lectores iniciais quixo saber máis sobre a amizade entre Juan Ramón e Platero e, de feito, nas últimas semanas o libro "Mi primer Platero" foi un dos máis lidos en 1º e 2º Primaria.
O resto de cursos de Primaria quedaron encantados, a teor das súas caras, coa técnica do caligrama, e descubriron a importancia da obra "Platero y yo" e do seu autor no seo da literatura castelá. Zenobia, Juan Ramón Jiménez, Moguer, Premio Nobel de Literatura foron algunhas ideas que gravaron nas súas mentes os rapaces. No entanto, o que máis lles chamou a atención foi o feito de que algúns dos seus profesores tivesen que memorizar o comezo da obra durante a súa nenez. Pois si que debe ser importante a obra "Platero y yo" deberon pensar para os seus adentros.
En canto aos rapaces de ESO, a súa achega fundamental foi a lectura solemne de fragmentos significativos da obra dende un atril. A colaboración e grao de participación foi, en liñas xerais, positivo -algúns deles tiveron que superar as súas reticencias iniciais a leren en público. Quixeramos facer unha mención especial aos alumnos de 3º ESO pola elaboración de pequenos murais informativos sobre a vida e obra do autor homenaxeado e o movemento literario ao que pertenceu. Por último, queremos agradecer a colaboración de tódolos mestres e profesores que colaborastes coa vosa presenza durante estes días na bibliotec, co voso entusiasmo e cos vosos comentarios atinados. GRAZAS.

CLAUSURA SEMANA TEMÁTICA DA BIBLIOTECA

Hoxe rematamos a semana temática da biblioteca cun bo sabor de boca. Os últimos en visitar a nosa exposición sobre Juan Ramón Jiménez foron os alumnos de 1º ESO C. Por outra banda, os alumnos de 3º ESO A puxeron o epílogo a unha intensa semana coa realización de murais explicativos sobre a biografía de Juan Ramón Jiménez, a xeración de 1914 á que pertence Juan Ramón, a análise da súa poesía e tamén da obra motivo da nosa homenaxe, "Platero". Moitas grazas, rapaces, polo voso entusiasmo. Velaquí algunhas fotos do seu traballo: